O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos galegos por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo final de facerse responsábeis da vixianza (adopción) do río que pasa polo seu municipio ou localidade.
Estas inspeccións realízanse como mínimo dúas veces ao ano, en base á metodoloxía e materiais de apoio proporcionados polo Proxecto Ríos que axudarán a cumplimentar as Follas de Inspección.
Unha vez recibidas estas na sede do Proxecto, elaboraranse informes anuais cos datos subministrados por todos os/as participantes nas distintas campañas Asemade, recolleranse nunha base de datos accesíbel nesta web. Posteriormente os grupos que así o desexen poden participar no Programa de Adopción de Ríos, co que se fan responsábeis, nalgunha medida,de velar polo estado de aqueles treitos de río que escollan.
A través de charlas e saídas formativas proporcionaranse as ferramentas básicas que garantan a participación activa e colaborativa do alumnado. Os centros de ensino poden traballar esta iniciativa dentro dos distintos departamentos (elaboración de roteiros, deseño de blogs, limpezas de ríos, elaboración de material multimedia etc.) e incluílo no seu proxecto educativo e na súa programación xeral anual.
Dende o Colexio Plurilingüe Divina Pastora de Ourense foméntase este proxecto onde o alumnado da ESO e Bacharelato participan activamente.
Historia
No ano 1999 a Associació Hábitats inicia o Projecte Ríus en Catalunya. Actualmente máis de 700 grupos forman esta rede de inspección de ríos, desenvolvendo un importante traballo de avaliación e coidado dos ríos catalás. No ano 2004, ADEGA asina un convenio de colaboración coa Associació Habitats para trasladar a iniciativa á Galiza, adaptandoa as características específicas das nosas concas fluviais. Nace así o Proxecto Ríos, xérmolo dunha nova conciencia de respecto polas nosas augas continentais a través do coñecemento e a participación activa e responsábel da cidadanía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario